Google

Historia

escudo do concelloA historia do concello está ligada a das terras do Ribeiro. Foi escenario das Guerras Irmandiñas e das disputas entre diversas casas señoriais como a dos condes de Lemos, Monterrei ou Ribadavia, e mosteiros como os de Celanova, Melón ou Oseira. No Antigo Réxime estaba dividido entre xurisdiccións dependentes destes mosteiros, as xurisdiccións señoriais de Ribadavia e a de Veiga e Carballeda, baixo o dominio do conde de Ribadavia, e o couto redondo de Beiro, responsabilidade do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario. En 1820 xurdiu o concello de Carballeda, que tivo a efímera vida do réxime constitucional durante o trienio liberal, ata 1823. Restaurada a Constitución en 1835, as parroquias que integran o actual concello foron repartidas entre os de Beade e Ribadavia. Esta situación cambiou en 1858 ao segregárense unha serie de parroquias de Ribadavia que materializan a primeira configuración do concello de Carballeda, novamente ampliado en 1861 e 1864 en prexuizo do de Beade. Xurídicamente, dende 1820 dependeu sempre de Ribadavia.

Xeografía Humana

A evolución demográfica do concello de Carballeda de Avia ao longo dos últimos 110 anos foi claramente negativa (en 1887 contaba cunha poboación que duplicaba a de 1996). Dende aquela primeira data sucedéronse etapas alternas de crecemento e retroceso demográfico en función, principalmente, da incidencia da emigración e dunha dinámica natural xa negativa. De 1887 a 1910 a poboación creceu a un ritmo medio do 0,49% anual, mais este incremento non durou moito tempo o perder poboación na década de 1910 nun 0,4% de media cada ano. Sen embargo, nos anos vinte e trinta o crecemento foi continuado; cada ano sumou un 0,31% e acadou en 1940 o máximo continxente de poboación do s XX, debido a ruptura da tendencia emigratoria que provocaran na década anterior a crise económica mundial e a Guerra Civil. Os anos posteriores volveron ser de recesión poboacional, pois perdeu ata 1970 unha media do 1,02% anual. Despois dunha circunstancial recuperacion nos anos setenta (1,2% de crecemento anual medio) as perdas demográficas pasaron de ser moderadas a moi fortes (-2.45% de media cada ano), especialmente durante os anos oitenta. O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 15,9% da poboación, fronte os maiores de 64 anos que constitúen o 30,58%. A distribución por sexos amosa un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 52,06% da poboación.

Xeografía económica

Carballeda de Avia é un concello esencialmente agropecuario, como reflicte o feito de que neste sector de actividade traballa o 47,9% da poboación ocupada (1996). A superficie cultivada esténdese polo 15,2% do territorio municipal. Os principais cultivos son o millo e o viñedo, que abranguen o 43,82% e o 30,76%, respectivamente, da superficie cultivada, e a pataca que ocupa un posto bastante modesto (6,6 % das terras de labor). Aos pastos dedícaselles un espacio reducido (só un 4,1% da superficie) feito que reflicte a importancia outorgada á ganderia: o armentio bovino suma so 136 vacas (1997), predominantemente con orientación cárnica. Maior importantacia posúen as granxas avícolas, afiliadas en gran parte á cooperativa COREN. A industria da traballo a unha modesta porcentaxe da man de obra (17,3% [1996]), xa que só existen pequenos talleres de escasa repercusión fóra do ámbito local. A construcción emprega o 14,8% da poboación ocupada (1996), que atopa traballo na actividade do sector no Carballiño e en Ribadavia. Destacan tamén certas actividades industriais derivadas do sector do granito moi abundante en todo o concello. O sector terciario é a segunda fonte de emprego, pois acolle ao 20% dos traballadores (1996), malia o limitado equipamento comercial e de servicios do concello; porén, a maior parte dos integrantes do sector traballan nas cabeceiras comarcais máis cercanas.